Música moderna
O termo música moderna é definido pola RAG como relativo ou pertencente ao momento actual[1], porén é un termo ambiguo e empregado de maneiras moi diversas e designa a unha gran variedade de estilos e tendencias musicais. Pode referirse á música desde a Idade Moderna, á música en xeral desde o século XIX, á xurdida durante a primeira metade do século XX (coñecida como modernismo), despois da música do romanticismo, e que son case exclusivamente música experimental, á música clásica contemporánea, á música clásica do século XX ou XXI, ou a todos os estilos de música popular (incluíndo música pop), o jazz moderno, o rock moderno, etc. Ademais, o termo "música nova" é un termo empregado desde o século XIV a unha enorme cantidade de estilos musicais.
Primeira metade do XX
[editar | editar a fonte]Igual que a música do Clasicismo e amúsica barroca valoraba a estética e o romanticismo valoraba a expresión dos sentimentos a través da tonalidade, o Modernismo valoraba especialmente a innovación e as percepcións \ abstracto. O desenvolvemento posterior do modernismo, que inclúe música concreta, música aleatoria e música minimalista clasifícase xeralmente como música de vangarda ou posmodernismo.
Esgotada no século XX a creatividade da chamada xenericamente música clásica logo do escaso éxito de música dodecafónica o nulo empatismo dos creadores musicais a partir do posromanticismo, a modernidade na música ten a súa relevancia máis salientable no que atinxe á música popular.
Fronte á música tradicional, ou fronte á música clásica, e paralelamente cos avances tecnolóxicos que permiten a electrificación e o rexistro de sons, ao longo do século XX a música experimentou unha profunda transformación, paralelamente á súa chamada "democratización".
En primeiro lugar, a invención do gramófono e a posibilidade de comercialización da música, para ser escoitada privadamente, levou ao público música proveñente doutros lugares distantes xeograficamente, permitindo que a música se convertese nun auténtico obxecto de consumo.
Segunda metade do XX
[editar | editar a fonte]A partir da Segunda guerra mundial e conxuntamente coa aplicación da electricidade aos instrumentos e medios tanto de produción como de reprodución musicais, a música popular afroamericana influíu, desde o blues e o Jazz a un tipo de música diferente, axeitada para o gozo das xeracións máis novas. Xeracións que comezaban a coñecer o lecer e que desexaban procurar evasións aos problemas que xurdiran da posguerra. Ese pulo pronto conseguiu crear ao seu arredor unha industria que logo do éxito nos medios de comunicación e popular de estrelas coma Elvis Presley ou The Beatles non dubidou en apostar por cantas novas alternativas aparecesen. A xuventude, por primeira vez, era a destinataria do mercado.
Ese desenvolvemento industrial da música e a explosión sociocultural dos anos 60 non só permitiu así converter a música nun obxecto de consumo habitual, senón que tamén fixo posible que a propia xente, a xente nova, participase no proceso de creación e produción musical, sen necesidade de estudos ou preparación especiais, e sen a necesidade de se axustar a canons ou regras, pois precisamente trataba de afastarse delas.
Os medios
[editar | editar a fonte]Tres son os instrumentos que máis axudaron á evolución da música moderna ata os nosos días: a guitarra, a batería e os teclados.
O uso da guitarra eléctrica
[editar | editar a fonte]O primeiro instrumento musical que pode chamarse "moderno" é a guitarra eléctrica (finais dos anos corenta), que permitiu que os guitarristas se incorporaran ás banda de Jazz puidesen ser escoitadas nidiamente nela como parte da sección rítmica. Charlie Christian converteu a guitarra nun instrumento solista dentro da banda de Jazz, o que supuxo un paso importante para a modernización do seu son e unha nova consideración do instrumento. O son da guitarra eléctrica foi incorporado tamén aos grupos de música country (Bill Carson), e aínda que o único que se pretendía era amplificar o son, pronto os guitarristas se decataron de que con eses medios podían facer música distinta. Así, para eliminar o ruído de masa que producían os micrófonos de bobina única que levaban as guitarras eléctricas, Seth Lover inventou a finais dos anos cincuenta o micrófono (pick up ou pastilla) de dobre bobinado, chamado humbucker. Este novo receptor de son producía unha saturación (overdrive) da etapa de previo do amplificador a lámpadas, que se ben era un efecto indesexado, xa a mediados dos anos sesenta músicos como Eric Clapton ou Jeff Beck souberon aproveitar ese tipo de son para as súas interpretacións. Pronto ese efecto indesexado converteuse nun efecto buscado e así a saturación ou distorsión da guitarra e o amplificador deu paso á música rock. En 1965 Bob Dylan incorporou de xeito controvertido a guitarra eléctrica ás súas composicións, maiormente folk ata esa data.[2]
A finais dos anos sesenta Jimi Hendrix estendeu e puxo de moda o uso de efectos de son, tan próximos á psicodelia.
O uso da percusión
[editar | editar a fonte]A batería xa fora utilizada polas primeiras bandas de Jazz, como base principal da sección rítmica, xunto co contrabaixo. O ritmo esaxeradamente marcado daquel xénero musical transmitiuse adquirindo cada vez máis importancia ata a música que se fai nos nosos días.
O uso dos teclados
[editar | editar a fonte]Pronto a electrificación chegou tamén ao piano e ao órgano. Nos anos sesenta o máis importante piano eléctrico foi o desenvolvido pola fábrica Fender, denominado "Rhodes" e o máis importante órgano eléctrico foi o deseñado pola empresa "Hammond". A final da dita década, Robert Moog, un inventor que xa levaba anos desenvolvendo as súas ideas neste eido, deseñou o sintetizador e conseguiu chamar a atención de músicos agora xa lendarios coma Roger Waters (Pink Floyd) que utilizaron os seus instrumentos e imprimiron o seu timbre e sabor á súa música.
Os estilos
[editar | editar a fonte]A nova música popular
[editar | editar a fonte]Sería inacabable unha relación de estilos musicais que se puideran englobar no concepto de música moderna, se é que o dito concepto realmente existe. Pódese, iso si, falar de pioneiros e de figuras salientables que puxaron por que a música saíse das estruturas tradicionais. Inicialmente a música mantiña as formas tradicionais das cancións que proviñan dos Lieder na súa duración, mantendo tamén a estrutura de divisións, tempo e compases tradicionais (por exemplo, a sonata, como no tema And I Love Her de The Beatles), pero pronto naceu outra visión formal (O álbum "concepto", como Sergeant Peppers do mesmo grupo), e incluso música que non estaba concibida para ser interpretada senón simplemente para ser gravada e reproducida.
O nacemento e desenvolvemento de Rock deu lugar a unha enorme variedade de estilos e secuelas, co incorporación de harmonías non occidentais, incorporación de novos instrumentos etc., todo isto arredor dunha sucesión de tendencias e grandes familias de estilos musicais, o Rock'n'roll, o Pop, o Rock, o Punk, o AOR, o Tecno, a posmodernidade, o Grunge, a New Wave etc. Por suposto, é común a todos eses estilos a influencia da cultura anglosaxoa, de xeito tal que os demais países lles deron cadansúa impronta ou xeito de entendelo, producindo un obxecto de consumo máis ben interno e sen proxección salientable, agás excepcións, e co visto e prace dunha industria xa moi globalizada.
Non se pode esquecer a figuras coma Frank Zappa e outros músicos experimentais, moitos deles, como o propio Zappa, sumamente prolíficos, que se ben non foron ben considerados pola industria e o grande público, as súas achegas foron imprescindibles para a evolución da música.
A modernización da música tradicional
[editar | editar a fonte]Encomiables e, ás veces, frutíferos son os esforzos das comunidades con cultura propia en manter e conservar os seus signos de identidade, e entre eles, o folclore musical. En moitas ocasións se incorporan á interpretación as novas tecnoloxías, mais tamén se mesturan distintos estilos e se engaden elementos propios doutras culturas ou xéneros, principalmente o Jazz ou a música étnica.
A era dixital
[editar | editar a fonte]Non hai un só instrumento musical que non poida ser emulado por un ordenador case ata a perfección. Isto significa que moitos dos instrumentos que escoitamos nas gravacións actuais son instrumentos virtuais, ou máis ben, sons xerados e reproducidos por modernos programas. Na maioría dos casos é absolutamente imposible distinguir se un piano ou unha batería son reais ou virtuais.
Quizais o único instrumento que aínda non puido ser emulado sexa a guitarra, ... e a voz humana. Non obstante tanto un como outro son procesados e "axudados" cos programas de edición como Pro Tools, Guitar Rigetc. Non existe unha soa gravación que non utilice eses modernos sistemas de procesamento de efectos e edición, agás que a "pureza" sexa buscada de propósito, cousa realmente infrecuente. Ademais, co abaratamento da tecnoloxía, calquera rapaz pode ter na casa centos e centos de sons distintos, ou facer que a súa guitarra eléctrica acostuma coma a dos seus heroes. Por poucos centos de euros pódense adquirir multiefectos coma o POD de Line 6, ou a GT6 de Boss.
Ademais da produción do son, a gravación do mesmo mediante ordenadores é algo totalmente habitual cos programas secuenciadores, que permiten a gravación sucesiva e xa non necesariamente simultánea de pistas, sen límite de número. Lonxe quedan aquelas pioneiras gravacións de dezaseis e vinte e catro pistas dos anos sesenta dos estudios Abbey Road.
A mestura das diferentes tecnoloxías permitiron, por exemplo, construír instrumentos que poidan almacenar sons e mostras (samples), de xeito que premendo un botón se poida emular toda clase de sons e modificalos en tempo real; interconectar instrumentos (tecnoloxía MIDI); ou mesmo que permitan a un usuario non cualificado inventar sons xamais antes escoitados polo ser humano.
O importante, outra vez, como no caso do invento da guitarra eléctrica, é que as novas tecnoloxías axudan a que a música se desenvolva e a que os seus creadores procuren novas tendencias e novos camiños.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Dicionario; moderno, -a ; Música moderna". Real Academia Galega. Consultado o 2022-05-26.
- ↑ "Still On The Road 1965". www.bjorner.com. Consultado o 2022-05-26.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Música moderna |